Seleccione un contacto:

Contacto

Imagen del contacto
Piano acompañante
Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Información general

Natalia Méndez, piano

Nace en Lugo. Estuda nos Conservatorios Superiores de Música de Vigo e Santiago de Compostela, cursando piano con Enrique Goberna e Martín Millán e graduándose como Profesora Superior de Piano e de Música de Cámara. Durante estes anos de formación, resulta premiada no Concurso Nacional de Piano Royale, e no Concurso de Piano Gregorio Baudot.

Simultáneamente cursa os estudos de primeiro ciclo da licenciatura de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela.

Durante os anos 1993-1998 realiza o Master of Arts no Conservatorio Estatal Rimsky-Korsakov de San Petersburgo (Rusia), titulándose como pianista de música de cámara, pianista acompañante e profesora de piano, sendo os seus profesores Alexander Kondratiev, Serguei Uribaev e Leonid Sintsev respectivamente. Simultáneamente participou en diversos cursos, recibindo consellos de profesores como Josep Colom, Peter Bithell, Elena de Sá e Costa, Sofía Nebolsina ou Elena Shishkó. Foi bolseira da Fundación Segundo Gil-Dávila nos anos 1996 e 1997.

Durante o curso 1998-1999 realizou estudos de Doutoramento en interpretación de Música de Cámara no Conservatorio de San Petersburgo, baixo a dirección de Serguei Uribaev, membro do Trío San Petersburgo, sendo bolseira da Fundación Barrié de la Maza.

No ano 2000 ingresa no corpo de profesores de ensino secundario (atopándose na actualidade en excedencia), e exerce como profesora de música no CPI Fonte-Díaz de Touro durante oito anos, centro no que desenvolveu programas experimentais de aprendizaxe de linguas estranxeiras na asignatura de música (sección bilingüe en inglés), incluindo a realización de proxectos en colaboración con centros educativos londinenses.

Ten colaborado como pianista acompañante na sección de especialización musical e na de música de cámara da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, e ocasionalmente coa Real Filharmonía de Galicia. (Britten, Cantata Saint Nicolas).

No ano 2007 ingresa no corpo de profesores de música e artes escénicas, exercendo desde entón como pianista acompañante no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela.
En formacións camerísticas, ten actuado en recitais con, entre outros, os violinistas Román Igritsky (Museo da Historia política de Rusia), Carlos Álvarez Romero-Giordano (Museo Dostoevsky de S. Petersburgo), Rubén Darío Reina (Filarmónica de Lugo), e Georgy Vasilenko (Sala Glazunov de San Petersburgo), o trompetista Adolfo Caride (Fundación Barrié en A Coruña e Vigo) con quen realizou a estrea de obras dos compositores galegos Daniel Costa e Eligio Vila, e o clarinetista Saúl Canosa (Festival Via Stellae en Santiago de Compostela) con quen gravou un CD, baixo o patrocinio da Fundación Paideia e a Diputación de A Coruña, incluindo a primeira gravación editada da Sonata do compositor lucense Jesús Bal y Gay.

No ano 2012 obtén a licenciatura en Historia e Ciencias da Música pola Universidad de La Rioja.