Visita ao Conservatorio Alessandro Scarlatti de Palermo (Sicilia, Italia). Abril 2024

Ver todas

Visita ao Conservatorio Alessandro Scarlatti de Palermo (Sicilia, Italia)

Entre os días 17 e 23 de abril de 2024, os nosos compañeiros Xosé Antonio Rodríguez Álvarez (guitarra), Javier López Jorge (piano) e Manuel López Jorge (piano) visitaron o Conservatorio Alessandro Scarlatti de Palermo como parte das mobilidades do noso proxecto Erasmus+ “Camiñando con música”. Esta mobilidade tiña como obxectivo a aprendizaxe por observación. Nesta viaxe, os tres docentes tiveron a oportunidade de observar numerosas aulas relacionadas coas súas especialidades: piano, guitarra, música de cámara, repertorio vocal con piano ou conxunto instrumental.

O profesor de piano Giulio Potenza, integrante do equipo Erasmus+ do conservatorio de Palermo, foi o titor dos nosos compañeiros no centro de acollida. Giulio fixo unha labor fantástica, axudando en todo momento a nivel loxístico, organizativo e didáctico, ademáis de abrindo as portas das súas aulas durante toda a estadía. O mestre de guitarra Darío Macaluso tivo ademáis a xenerosidade de entregar aos nosos compañeiros invitacións para escoitar á orquestra barroca de Italia no Teatro Massimo de Palermo, concerto no que se interpretaron os Stabat Mater de Scarlatti e Pergolesi. Foi sen dúbida unha ocasión inesquecible e unha oportunidade de desfrutar dun dos teatros máis grandes de Europa.

Durante a súa estadía en Sicilia, Manuel, Javier e Xosé Antonio interesáronse pola cultura e a historia da rexión, visitando diversos museos e o complexo arqueolóxico do Val dos Templos de Agrigento, patrimonio da humanidade pola UNESCO dende 1997. Esta mobilidade resultou de gran proveito para os tres docentes xa que entraron en contacto con diferentes metodoloxías pedagóxicas, fixeron novos contactos profesionais, divulgaron a cultura galega no estranxeiro e afianzaron os lazos europeos.

Comments are closed.

X